O proceso recrea a causa xudicial á que foi sometido Curros Enríquez pola publicación de Aires da miña terra.
Apaga o candil retrata a atribulada vida e divertida obra de Carlos O Xestal.
O Xestal e Curros en dúas pezas teatrais nun mesmo volume? Que elo pode haber entre eles? A cultura popular. En cadanseu ámbito, e ao seu xeito, os dous beben das augas da tradición oral galega: Curros tecendo moito do seu universo poético a partir de historias, lendas e ditos que corrían de boca en boca, elevando eses humildes materiais á categoría de escrita fundacional. O Xestal dando pulo e continuidade a unha oralidade herdada, recollida por el nos máis enxebres foros: fiadas, romarías, mallas e noites na lareira. Sendo el mesmo, no seu oficio de conteiro, axente vivo de literatura oral.
Figuras controvertidas, cada unha coas súas vicisitudes, ricos personaxes teatrais que, de seguro, gustarían da súa recíproca compaña

(San Paio de Navia, Vigo, 1960) é dramaturgo, director teatral e narrador oral. Autor de vinte e cinco pezas, como A piragua, As do peixe, O bululú do linier, García, Vida de cans, Foucellas e Fillos do Sol, entre outras. Das moitas adaptacións que asinou, poden citarse Commedia, Nano e A galiña azul, con mención especial ao seu monólogo teatral baseado en Memorias dun neno labrego, que chegou ás duascentas funcións, fito pouco común no teatro galego. Os seus últimos traballos neste campo foron A peste, sobre a novela de Albert Camus, e Cigarreiras, versión escénica de La Tribuna, de Emilia Pardo Bazán.
As súas pezas recibiron varios premios Max e numerosos María Casares. Pola súa traxectoria, é Xograr de Outono do FIOT de Carballo, Premio Vidal Bolaño da MIT de Ribadavia, Premio Xiria da MITCF de Cangas e Premio da Cultura Galega.
Actualmente é o director e dramaturgo habitual de Contraproducións, empresa teatral da que é un dos fundadores.