Unha gran novela chea de intriga dende a primeira páxina.
O último verán que Dani e os seus amigos van pasar xuntos en Cabo Lázaro vén marcado pola morte accidental de Marcos, un compañeiro de clase. Pero as sospeitas iniciais de Dani de que talvez se atopen fronte a un asasinato vénse reforzadas cando este descobre unha misteriosa mensaxe que o seu amigo lle deixou antes de morrer, e que os sitúa sobre a pista dun tesouro agacahado nalgún lugar da pequena vila costeira. Non son conscientes de que alguén segue os seus pasos, un inquietante forasteiro que pode ser o asasino de Marcos e que non dubidará en apartar os rapaces do seu camiño do xeito que sexa. Pero a misteriosa identidade deste home non é o único segredo que ameaza Cabo Lázaro, e a morte de Marcos non é o único crime que deberán desentrañar…
Naceu na Coruña en 1977, aínda que a súa vida familiar está moi ligada á cidade de Ourense, onde transcurriu boa parte da súa infancia e adolescencia. Lector e escritor precoz, deuse a coñecer aos catorce anos cando publicou a súa primeira obra, Alén da aventura (1992), gañadora do certame de novela xuvenil "Rúa Nova". Un ano máis tarde deu ao prelo Gárgola, tamén na colección Costa Oeste, e outro exemplo do tipo de novela que a Carlos Vila Sexto lle gusta contar: historias ben construídas nas que o medo, o terror ou o suspense fan que o lector non poida deixar de ler. En 1995 publicou Cara a fin da luz, abrindo un período no que se volcou na escrita de guións para series audiovisuais e películas, ámbito no que centra o seu traballo profesional. Afincado en Madrid desde hai anos, Vila Sexto regresa á creación literaria cunha novela na que nos ofrece o mellor do seu estilo, ese que xa leva cativado a miles de lectores "As sete mortes".