Carlos Vila Sexto presenta mañá venres 15 ás 20h, no Liceo de Ourense, a súa nova novela, O enigma de Caronte, acompañado por Mariluz Villar, dramaturga, escritora e colaboradora de La Región e polo editor Francisco Castro.
A novela comeza durante o último verán que Dani e os seus amigos van pasar xuntos en Cabo Lázaro e que vén marcado pola morte accidental de Marcos, un compañeiro de clase. As sospeitas iniciais de Dani de que talvez se atopen fronte a un asasinato vénse reforzadas cando este descobre unha misteriosa mensaxe que o seu amigo lle deixou antes de morrer e que os sitúa sobre a pista dun tesouro agacahado nalgún lugar da pequena vila costeira. Non son conscientes de que alguén segue os seus pasos, un inquietante forasteiro que pode ser o asasino de Marcos e que non dubidará en apartar os rapaces do seu camiño do xeito que sexa. Pero a misteriosa identidade deste home non é o único segredo que ameaza Cabo Lázaro, e a morte de Marcos non é o único crime que deberán desentrañar…