Este libro constitúe unha homenaxe a Camões, probablemente o autor internacional de maior presenza nas nosas letras ao longo do tempo, con motivo das celebracións do V centenario do seu nacemento. Xosé Manuel Dasilva, camonista e camonólogo de recoñecida traxectoria, ofrece en Camões en Galicia varios estudos que afondan nas pegadas galegas do grande escritor portugués, como referencia e como influencia duradeiras. Nas súas páxinas revélase o alento camoniano en moitos nomes importantes, como o padre Sarmiento, Francisco Añón, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez e Ramón Otero Pedrayo, entre outros.

Xosé Manuel Dasilva (Vilagarcía de Arousa, 1962) é profesor na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Publicou numerosos estudos relativos sobre todo aos ámbitos galego e luso-brasileiro. Foi comisario da exposición itinerante Editar en galego baixo a censura franquista. Arredor da figura de Ramón Piñeiro, publicou os traballos Ramón Piñeiro e a prohibición de traducir ao galego (2008), As vicisitudes editoriais d’A esmorga (2009) e Ramón Piñeiro e o Cancioeiro de Pokorny. Anatomía dun certame de tradución (2010), ademais do libro Ramón Piñeiro, tradutor (2009).