Zoe, tras un grave incidente no instituto, ten que comparecer ante a Fiscalía de
Menores. A súa nai, desesperada, mentres o futuro da filla non se resolve, decide
enviala a Vilavedra, unha afastada aldea onde pasará o verán con Primitiva,
a madriña da súa nai, unha vella desaborida á que a moza nin estima nin coñece.
Nesas xornadas estivais, Zoe madurará e irá descubrindo pouco a pouco como
asumir as consecuencias dos seus actos. Coñecerá tamén a Roi, un mozo moi distinto
a ela, e xuntos desentrañarán o misterio que envolve o pasado de Primitiva, que se
agocha tras dun mangado de cartas e unha pandeireta.
Agora que vén a noite vai construíndo, elo a elo, unha cadea que une o presente
coa tradición. Unha cadea que debemos coidar e reivindicar, coa palabra, co cante e
co toque. Unha celebración da nosa cultura popular e das mulleres que a conservaron
en tempos escuros e incertos.

Marcos Sánchez Calveiro, coñecido como Marcos S. Calveiro, naceu en Vilagarcía de Arousa no ano 1968 e actualmente reside en Vigo, onde exerceu a avogacía e agora traballa como director de edicións na Editorial Galaxia. Comezou a súa carreira literaria creando obras dedicadas á literatura infantil e xuvenil, escribindo principalmente en galego. Neste campo recibiu numerosos premios como o Ala Delta, o Barco de Vapor ou o Lazarillo. Tamén publicou obras no campo da poesía e o ensaio e en 2008 publicou a súa primeira novela dirixida ao público adulto, Festina Lente, recoñecida co Premio da Crítica de narrativa galega.
En 2015 gañou o IX Premio Narrativa Breve Repsol coa novela Fontán e en 2017 o XXIX Premio García Barros coa novela O xardineiro dos ingleses. no ano 2022 publica a novela Curros & Holmes No Misterio D’O Kapital, na que, recén chegado a Londres, Curros, ca axuda de Holmes, debe resolver quen roubou a segunda metade do manuscrito do Kapital de Marx.