O detective Nivardo Castro e o xornalista Carlos Conde son testemuñas abraiadas dunha pescuda apaixonante e misteriosa
Un caso de características especiais: uns crimes que mobilizan simultaneamente a forza pública e as ánimas da Santa Compaña nunha atmosfera de superstición que enche de verosimilitude toda a trama.
En A lei das ánimas, Carlos G. Reigosa desenvolve unha intriga singular que incorpora a tradición popular á novela, na liña de Torrente Ballester e Cunqueiro.
Carlos González Reigosa, periodista, licenciado en Ciencias Políticas e en Ciencias da Información, naceu en Lagoa da Pastoriza (Lugo) en 1948. É desde 1997 director de Publicacións, Análise e Estilo da Axencia EFE de información internacional.
É autor das novelas Oxford, amén (1982), Crime en Compostela (1984), O misterio do barco perdido (1988), A guerra do tabaco (1996), Narcos (2001) e Intramundi (2002). Publicou tamén libros de relatos curtos (Homes de tras da Corda, As pucharcas da lembranza, Irmán Rei Artur e Os outros disparos de Billy) e de investigación e ensaio, como Eidos do xornalismo (Galaxia, 2007).
Vén de publicar na colección Literaria de Galaxia o libro de contos Xentiario e a novela A lei das ánimas. A novela da Santa Compaña.