Presentación de “Cultura e política na Galicia do século XX”, en Santiago

Categoría: Nova
O martes 1 de xuño, celebrarase, ás 12:00 h, no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, a presentación de Cultura e política na Galicia do século XX, de Ramón Villares.
Acompañando o autor, estarán Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, o profesor Ramón Máiz, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Como o aforo é limitado, recoméndase reservar praza no seguinte correo:
comunicacion@editorialgalaxia.gal
Este libro analiza as relacións entre cultura e política na construción de Galicia como nación cultural no século XX.
A idea central é explicar a forte hexemonía da cultura e a súa acción política nos momentos máis decisivos da historia contemporánea galega, desde a aparición da xeración Nós ata a transición democrática e o nacente réxime autonómico.
A partir de fontes ata agora pouco empregadas, nomeadamente epistolares, reconstrúense algunhas biografías intelectuais e analízase a fundación de grupos e institucións culturais, prestando especial atención ás relacións entre os núcleos de oposición no interior peninsular e co exilio americano. Dúas figuras, Luís Seoane e Ramón Piñeiro, encarnan os dous polos desas relacións, con disensos que non foron rupturas, entre os “heroes calados” do interior e os “emigrantes dun país soñado”, desde o exilio.
Alén de ofrecer algunhas análises sobre a xestión da cultura, este libro axuda a entender a Galicia actual, en perspectiva comparada e nun contexto europeo e americano.
Ramón Villares Paz (Xermade, 1951) é un dos historiadores galegos con maior prestixio e cunha obra de recoñecida solvencia na que destacan Foros, frades e fidalgos(1982), coa que obtivo o Premio da Crítica Galicia na modalidade de ensaio, Desamortización e réxime de propiedade (1994), Figuras da nación (1997), Fuga e retorno de Adrián Solovio (2006, 2007 e 2018) ou Identidade e afectos patrios (2017). Tamén cómpre salientar a súa faceta de divulgador da Historia de Galicia, singularmente cos seus libros A Historia (1984) e Historia de Galicia (2004, 2016), onde ofrece unha visión sintética das grandes etapas da historia galega e que tivo unha enorme repercusión entre os lectores do país. Foi presidente do Consello da Cultura Galega (2006-2018), decano da Facultade de Xeografía e Historia (1986-1990) e reitor magnífico da Universidade de Santiago de Compostela (1990-1994). Ademais dos xa citados, en 2005 foi galardoado co Premio Fernández Latorre e no 2018 co Premio da Cultura Galega de Proxección Exterior.

Comparte nas túas redes sociais ou por email