Os mellores libros para soñar e aprender

Categoría: Nova

A lectura pode ser un momento íntimo ou compartido, unha actividade que reconforta a nosa alma e ensancha o noso coñecemento. Ler é sinónimo de aprender e entender, de xerar empatía e poñernos na pel dos demais. Axúdanos a comprender diferentes sensibilidades e o comportamento das demais persoas.
Un exemplo para entender a todo aquel que é diferente a nós é Alba, de Helena Villar Janeiro, un fermosísimo álbum ilustrado por Abi Castillo. Despois de mesturar sinerxías en Fina a pirata, que é tamén unha nena distinta, Villar Janeiro e Castillo amosan, nesta historia, o día a día de Alba, unha nena moi especial que vive e sente dunha maneira diferente.
Na editorial Galaxia defendemos o dereito da diferenza, pois é o valor máis alto que posuímos. Tamén o cre así o creador Xosé Tomás, pois os animais que conforman o seu álbum Historias da Fraga Revirada, son seres que cren en si mesmos e que defenden as súas habelencias por enriba de todo. Seres que son como queren ser, non como teñen que ser. Trátase de historias evocadoras, acompañadas cunha ilustración impecable, que contan con xogos e actividades para a cativada.
Xosé Tomás visitou a nosa editorial e firmou dez láminas do libro que podedes conseguir, participando no noso concurso en Galaxia Infantil. Tedes ata o 10 de xuño! Velaquí toda a información.
A protagonista do I Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado, Eva, a carteira espacial, de Gloria Pavía, é carteira, pero non como todas as demais, é espacial e vén da Lúa, onde nacen as estrelas. Con ela, percorreremos unha viaxe fascinante, ata o esquecido Plutón. Unha aventura galáctica, con ilustracións orixinais e unha linguaxe propia que, dende a fantasía, fan un guiño ao despoboamento do noso querido rural.
Todas e todos nós temos unha estela interior que nos guía cara a onde temos que ir. Ser diferente é o máis valioso que podemos ter. Lede moito e crede na vosa curiosidade, pois será a que vos leve a coñecer o mundo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email