O venres 28 de maio, ás 20 h, celebrarase, na sede da Deputación de Pontevedra, en Vigo, a presentación do libro A vida secreta de Úrsula Bas, de Arantza Portabales.
Acompañando a autora, asistirán Carmela Silva, presidenta de Deputación de Pontevedra, o escritor Diego Giráldez e Carlos Lema, director de edicións de Editorial Galaxia.
Como o aforo é reducido, recoméndase confirmar asistencia no seguinte correo:
comunicacion@editorialgalaxia.gal
Neste libro, gozaremos cun novo e apaixoante caso de Abad e Barroso. Úrsula Bas, unha escritora moi recoñecida no mundo das letras, é unha muller que sae un día da casa e xa non volve. A parella de policías, que xa coñecimos na celebrada Beleza vermella, volverán a percorrer as rúas de Santiago de Compostela para resolver este caso.
Este é un libro de buscas. Por un lado está a procura que fan Abad e Barroso de Úrsula, e polo outro, a busca que fai Úrsula de si mesma.
Quen é realmente Úrsula? Que hai detrás da súa imaxe de escritora?
Unha novela apaixoante que fará que non a deixes ata chegar ao fin desta historia. Imprescindible.
Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia. Na Editorial Galaxia, publicou títulos moi aclamados coma Sobrevivindo (Galaxia 2015), obra que resultou vencedora do XV Premio de Novela por Entregas da Voz de Galicia, Deixe a súa mensaxe despois da sinal, (Galaxia, 2017), que foi traducida ao castelán, ao italiano, ao hebreo e ao alemán, e, tamén, levada ao teatro pola Compañía Tanttaka. A arrasadora Beleza vermella, (Galaxia, 2019) publicouse conxuntamente coa tradución da mesma ao castelán, sendo publicada tamén en Italia.