A recoñecida escritora Helena Villar Janeiro comparte con todas e todos nós unha fermosísima historia, no álbum Alba, sobre a diferenza.
Unha conto evocador que, coas ilustracións de Abi Castillo, emocionará a grandes e pequenas, amosando o día a día de Alba, unha nena moi especial que vive e sente dunha maneira diferente. Os papás de Alba viven á beira dun lago nun pequeno país tan bonito que parece o Reino dos Contos. Unha terra na que hai gnomos, trasgos, elfos e algún ogro nos castelos das montañas. Nas augas nadan sereas e outros seres fabulosos.
Aínda así, o máis bonito deste país de marabillas é Alba, a nena que naceu diferente. Queredes coñecela? Adentrádevos nas páxinas deste libro máxico e mergulládevos no imaxinario de Villar Janeiro.
É probable que un cisne encantado, parecido a unha bailarina con “tu-tú” pase por diante vosa cando saia a brétema, e vos traia boa sorte. Que noticia vos gustaría que anunciase?