Presentación de “Eva, a carteira espacial”, na Estrada

Categoría: Nova

O mércores 26 de maio, celebrarase, ás 20 h, no Teatro Principal da Estrada, a presentación de Eva, a carteira espacial, Premio Alberte Quiñoi 2021, de Gloria Pavía.
Acompañando a autora, estarán José López Campos, alcalde do Concello da Estrada, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Este título é o encargado de innaugurar o Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado que convoca o Concello da Estrada, xunto coa Editorial Galaxia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
A protagonista da obra, Eva, é carteira, pero non unha carteira calquera, é espacial e vén da Lúa, onde nacen as estrelas. Nesta viaxe, percorrerá o camiño dos asteroides para atopar o pequeno Plutón. Serán os seus veciños quen de lembrarse del? Unha aventura galáctica, onde o manto estelar e os planetas guiarán a nosa protagonista cara este misterioso veciño. A artista Gloria Pavía comparte con todas e todos vós esta proposta tan expresiva, con ilustracións orixinais e cunha linguaxe propia. Lendo este libro, adentrarédevos nun mundo evocador cunha paleta de cores impactante e atractiva.
Cuestións como a ciencia, os valores comunitarios, ben equilibrados coa vontade individual, a autonomía persoal e a posta en valor dos oficios de sempre, da importancia dos procesos e das súas necesarias esperas, son algunhas das razóns polas que este libro destaca. Unha obra orixinal e preciosista. Unha lectura imprescindible.

Comparte nas túas redes sociais ou por email