A historia representou un papel fundamental na formación da cultura galega, é esencial para entender a sociedade actual
Ramón Villares, un dos historiadores galegos de maior prestixio, debrúzase sobre o noso pasado para procurar nel as principais claves da Galicia de hoxe. Concibido cunha forma de ollar nova, mais complexa e rica, atenta á historia da cultura e arrequentada polos coñecementos que a investigación histórica nos achegou nos últimos vinte anos, este libro engade como novidade unha visión das diferentes épocas desde o outeiro das sete grandes cidades galegas: o Lugo romano; a Compostela de Xelmírez, a Pontevedra dos mareantes e mercadores; o Ferrol ilustrado; a Coruña liberal; Ourense, a ciadade da xeración Nós; o Vigo industrial, e mesmo inclúe un capítulo sobre a historia da emigración galega en Buenos Aires.
Ramón Villares Paz (Xermade, 1951) é un dos historiadores galegos con maior prestixio e cunha obra de recoñecida solvencia na que destacan Foros, frades e fidalgos (1982), coa que obtivo o Premio da Crítica Galicia na modalidade de ensaio, Desamortización e réxime de propiedade (1994), Figuras da nación (1997), Fuga e retorno de Adrián Solovio (2006, 2007 e 2018) ou Identidade e afectos patrios (2017). Tamén cómpre salientar a súa faceta de divulgador da Historia de Galicia, singularmente cos seus libros A Historia (1984) e Historia de Galicia (2004, 2016), onde ofrece unha visión sintética das grandes etapas da historia galega e que tivo unha enorme repercusión entre os lectores do país. Foi presidente do Consello da Cultura Galega (2006-2018), decano da Facultade de Xeografía e Historia (1986-1990) e reitor magnífico da Universidade de Santiago de Compostela (1990-1994). Ademais dos xa citados, en 2005 foi galardoado co Premio Fernández Latorre e no 2018 co Premio da Cultura Galega de Proxección Exterior.