Esta noite deixounos Darío Xohán Cabana, membro da RAG, escritor, tradutor e unha das persoas máis relevantes da cultura galega das últimas décadas. Aínda hai uns días saía do prelo a súa tradución derradeira na Editorial Galaxia, Xácome o fatalista que publicamos na nosa colección Literaria. Poeta delicado, coñeceu o favor do público coa súa novela Galván en Saor, publicada no ano 1989 e que é unha das obras máis vendidas de todos os tempos no noso país.
Como poeta é autor dun número enorme de títulos, entre os que sobrancean Romanceiro da terra Cha, Patria do mar ou na nosa editorial Canta de cerca a morte e Cabalgada na brétema. Como narrador, alén da xa citada Galván en Saor, podemos destacar obras senlleiras coma Fortunato de Trasmundiou Morte de rei. Non descoidou tampouco a literatura infantil e xuvenil, agasallándonos libros como As viaxes do príncipe azul, publicada tamén en Galaxia. Tradutor metódico e apaixonado, debémoslle ao seu traballo que poidamos ler en galego títulos como o Cancioneiro de Petrarca, A Divina Comedia do Dante Alighieri, Vida nova, tamén deste autor, Os tres mosqueteiros de Alexandre Dumas ou Antoloxía do Doce Estilo Novo, publicada na Editorial Galaxia. Recibiu os premios máis importantes da literatura galega e foi distinguido en Florencia en 1991 polo seu traballo tradutor arredor da obra do Dante.
Dende a familia da Editorial Galaxia sumámonos ás mostras de dor polo seu falecemento e mandámoslle a todos os que o quixeron e admiraron, todo o noso agarimo.