“Demerara” é finalista no Prêmio São Paulo de Literatura

Categoría: Nova

A novela Demerara, do xornalista e escritor Wagner G. Barreira é finalista no prestixioso Prêmio São Paulo de Literatura na categoría de “Melhor  Romance de  Estreia  do Ano de 2020”, entre as 21 obras seleccionas nesta XIV edición.
A Editorial Galaxia publicou o libro do autor brasileiro, traducido do portugués por Leandro García Bugarín, que rescata a vida posible do seu avó paterno, vigués emigrado, e de como chegou a gripe española a Brasil en 1918. Unha novela con raíces puramente viguesas, atravesada polos fíos da aventura e o mar.
O autor fai un traballo minucioso de investigación que proporciona ao libro unha forte base histórica, mestura de realidade e ficción, que nos achega á mirada dun neto curioso que quere saber a orixe dunha parte da súa familia.

Demerara tamén retrata unha historia colectiva, amosando o proceso de adaptación e construción dun país polos inmigrantes. O autor buscaba ofrecer ás lectoras e lectores unha visión particular dun fenómeno histórico, a través da literatura. 

Este traballo publicouse en plena pandemia, en outubro do ano pasado, e, en palabras do autor, «trouxo de volta un xénero que andaba esquecido no Brasil, a novela histórica». 

O Premio São Paulo de Literatura selecciona anualmente os mellores libros de ficción, no xénero novela, escritos en lingua portuguesa, orixinalmente editados e publicados no Brasil. San dous premios: Premio São Paulo de Literatura de Mellor Novela de Ficción e Premio São Paulo de Literatura de Mellor Novela de Ficción de Estrea.
Wagner G. Barreira (São Paulo, 1962), traballou na revista Veja e no xornal O Estado de S. Paulo e colaborou con TV Cultura, Jornal do Brasil e a revista Aventuras na História. Foi o primeiro director editorial de medios dixitais de Editora Abril e profesor de Técnicas de Reportaxe e Teoría do Xornalismo na Pontifícia Universidade Católica de São Paulo. En 2018, escribiu a biografía Lampião & Maria Bonita: uma história de amor e balas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email