A Editorial Galaxia recupera un clásico de Luísa Villalta

Categoría: Nova

A Editorial Galaxia recupera para a súa colección de Ensaio, o clásico de Luísa Villalta, O outro lado da música, a poesía.  O libro vira a luz no ano 1999  convertíndose axiña nun texto referencial  na obra da poeta e ensaísta coruñesa finada en 2004. Eran moitas as voces que pedían a recuperación deste texto que neste final de 2021 ve a luz e se pon á disposición das lectoras e lectores do noso país estes días que chega ás librarías.
Neste volume, vemos á Villalta poeta mais tamén á especialista en música e que entendía ambas as artes como unha prolongación da mesma realidade. Coma ela di, é un convite a nos abismar “polos camiños da metáfora e as semifusas”. Deste libro, o tamén poeta e dramaturgo Lino Braxe dixo que “poucos ensaios hai tan acertados sobre a música e a poesía”.
Luísa Villalta estuda a lírica de nós relacionándoa coa música, xa presente nas cantigas medievais e que se alonga ata as Irmandades da Fala. Coa súa ollada, comprendemos mellor a nosa historia literaria e, nomeadamente, a lírica.
A presente edición ábrese cun limiar de Armando Requeixo.
Luísa Villalta (A Coruña 1957-2004) foi poeta, narradora, dramaturga, ensaísta, filóloga e violinista. É autora dalgúns dos títulos esenciais da nosa poesía, como Música reservada.  Foi cilaboradora asidua da revista GRIALou a Festa da palabra silenciada.

Comparte nas túas redes sociais ou por email