O diario íntimo dunha loitadora antifranquista

Categoría: Nova

Testemuño da Guerra Civil, de Isabel Ríos, é o relato íntimo dunha vida de compromiso cos demais. Está publicado na colección Memoria Histórica, xunto con Illote P, Barraca 16, de Santiago Rodríguez Salinas, que é o diario dun refuxiado español exiliado en Francia; e Mañá vén meu tio, de Sebastián Santana Camargo, un álbum infantil sobre o tema das desaparicións forzadas; a Editorial Galaxia aposta por rescatar e dar voz a todas aquelas persoas que loitaron por conseguir un mundo mellor, poñendo en risco a súa propia vida.
Despois de fuxir de golpes militares en España, na Arxentina e Chile, Isabel Ríos deixa constancia no seu libro das tres grandes traizóns que marcaron a súa vida: a dos militares que derrocaron a República española, a dos Aliados que non interviñeron contra Franco tras a Segunda Guerra Mundial, e a que para ela supuxo a transición á democracia tras a morte de Franco. Á súa expulsión do PCE  non lle dá máis importancia que á da vinganza duns dirixentes mediocres e burocratizados.
“Miña nai deixounos un testemuño da Guerra Civil. Sempre lle reprochei que o chamase dese xeito. Non foi unha guerra civil, foi unha agresión nazi fascista coa complicidade das que se denominaban democracias”, asegura o seu fillo Manuel, no prólogo do libro.
A militante casou, en 1929, co médico Manuel Calvelo, un destacado alumno do doutor Nóvoa Santos, militou no PCE ata que a expulsaron por cuestionar a dirección. O matrimonio foi condenado a morte polos militares golpistas, aínda que só foi asasinado Manuel. Isabel, tras pasar sete anos en cárceres franquistas, marchou á Arxentina cos seus dous fillos. Tras fuxir doutros dous golpes militares, na Arxentina e Chile, volveu a España poucos días antes da morte de Franco.
“Vou a escribir esta historia para os meus fillos e os meus netos. Non ten nada de particular, polo que  a min se refire, pero é a historia de miles e miles de españois aos que nos tocou vivir unha época terrible, tráxica e apaixonada. Neste momento eu tiven un pequeno papel, sen importancia nin transcendencia, cuxo único mérito foi o de permanecer co pobo e ser fiel, en todo momento, a este e a min mesma”. Así comezan as primeiras páxinas do relato de Isabel Ríos, toda unha declaración de intencións do que será o testemuño da súa historia, que é a historia de todo un país. A biografía dunha muller que morreu botando en falta Galicia e convencida de que, de volver nacer, faría o mesmo.
Isabel Ríos Lazcano, naceu en Curtis en xullo de 1907 e morreu en Madrid en xuño de 1997. Foron case noventa anos dunha vida dura e militante.

Comparte nas túas redes sociais ou por email