Xesús Fraga e Miguel Anxo Seixas triunfan nos Premios da Crítica de Galicia

Categoría: Nova
No día de hoxe, dous libros da Editorial Galaxia fixéronse merecentes tanto do premio de Creación Literaria como o de Ensaio.
Xesús Fraga, o Premio da Crítica de Galicia 2021 pola súa novela Virtudes (e misterios). Recolleu no seu nome, Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Tamén resultou gañador na modalidade de Ensaio o libro de Miguel Anxo Seixas, Castelao, contrutor da Nación. Tomo II, publicado na nosa Editorial.

Todo un recoñecemento para as nosas letras.
Xesús Fraga constrúe, en Virtudes (e misterios) unha historia que se centra nas vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas marcada pola emigración, historia que tamén é a da segunda metade do século XX, e que vai medrando coma quen vai pintando un lenzo a base de sensacións, recordos, fotografías, o diario dunha nai e a voz das testemuñas que poden contar. Unha obra que ten moitas lecturas e moitos vieiros, polos que o autor nos leva coma se fosen as liñas do metro de Londres, a cidade ao redor da que gravitan os personaxes da novela. É, tamén, a historia dun neto asombrado e dunha avoa poderosa. A historia dos que marchan e que, cando regresan, nin eles son os mesmos nin a terra que deixaron é a mesma.
Castelao. Construtor da nación. Tomo II, é o segundo volume dunha biografía monumental, concibida por Miguel Anxo Seixas case coma un diario da vida cotiá de Castelao cos fitos da súa cronoloxía persoal e pública, desta volta durante os anos da Segunda República e a Guerra Civil. Labor de toda unha vida dedicada á investigación, á recollida de datos e documentación, o autor desta crónica da vida de Castelao deita no papel a súa paixón pola busca do pormenor significativo, o seu rigor na comprobación e descuberta de aspectos ignorados ou esquecidos, o gusto por rexistrar os pasos e a obra de quen foi unha das personalidades fundamentais na construción da nación galega.
Os Premios da Crítica de Galicia institúense coa finalidade de facer público o recoñecemento que, dentro do marco xeral da cultura galega, merezan os labores individuais ou colectivos que cada ano cristalicen en achegas relevantes para os diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email