Na colección Álbum de editorial Galaxia publicamos catro novidades ben fermosas e orixinais, para que a cativada poida desfrutar e soñar lendo novas historias. Libros que xa están en todas as librarías de Galicia agardando ser escollidos como favoritos por cativos e maiores.
Que pasaría se mesturamos queixos e o universo? Unha fusión curiosa que nos achega á queixeira Petroski, a protagonista de A receita do queixo lunar, de Paloma de Toro, ilustrado por Nuria Díaz. Petroski vive na lúa, por iso podemos chamala unha “lunática”. En función de como está a lúa, varía o deseño dos seus queixos. Nas noites de lúa chea, fai queixos redondos, nas noites de lúa crecente, fai metades de queixo, e nas noites de lúa decrecente fai metades de queixo e dálles a volta. Unha rutina monótona que cambia de súpeto cando recibe unha visita inesperada.
Volvendo ao mundo terrícola, atopámonos con moitos tipos de climas distintos mais, saberíades distinguir, por exemplo, a forma que ten a choiva? Kristina Sabaite si. Así o mosta en As caras da miña choiva, un álbum que, a través da imaxinación amosa todas as caras posibles da choiva. Este é o primeiro álbum ilustrado como autora integral de Sabaite, publicado pola editorial Galaxia. A mirada sensible, a empatía, o poético, a maxia cotiá e a infancia son os eixos principais da súa obra e ilustracións.
Para os que comezan a ler, recomendamos a lectura de O monsto e a nena, de Sergio Costas Chaos, ilustrado por Jorge J. Costas. Un monstro ao que lle doe un corno vai a cidade en busca de axuda, na procura dun médico. Este é o primeiro álbum do autor, que só ten 7 anos (5 cando se lle ocorreu a aventura), que ilustrou o seu pai.
Para primeiros lectores, chega A caca Cuca, de Irene Alonso Gasalla, ilustrado por Bea Gregores, que conta a historia de Cuca, unha merdiña de can, pequerrecha e xeitosiña, que foi abandonada polo seu dono na rúa. Un álbum distinto que trasmite valores de civismo e convivencia á cativada.
Hoxe celebramos estas novas lecturas, todas pertencentes á LIX, un dos xéneros máis vivos e de maior calidade actualmente nas letras galegas.