A Editorial Galaxia recupera tres novidades de Xosé Neira Vilas

Categoría: Nova

Pertencentes á colección Biblioteca Neira Vilas e Árbore, estas novidades, que contan co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, achegan ás lectoras e lectores ao orixinal universo literario do autor de Gres.
Xosé Neira Vilas é sen dúbida un dos escritores máis sobranceiros do noso país. A súa vida e a súa obra están marcadas pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir naceu o famoso Memorias dun neno labrego, un dos libros máis brillantes das letras galegas. A mestría do Neira Vilas narrador amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.
Na colección Biblioteca Neira Vilas, rescatamos Camiño bretemoso, publicado por primeira vez en 1967, nel trata o tema da emigración. Un aspecto clave na súa obra. Un vello emigrante vai facendo reconto do seu traxecto vital perante un interlocutor que non intervén mais serve para darlle ao monólogo máis vivacidade e dramatismo.
Remuíño de sombras, presenta a imaxe colectiva da comunidade galega de Buenos Aires. Unha novela que reconstrúe unha xeira histórica da diáspora dos galegos. Neira Vilas ofrécenos a novela da emigración no seu conxunto, a través de vidas cuns camiños que se encerellan, lembranzas comúns, xenreiras, incomprensións, anhelos, homes apodrecidos na riqueza ou temperados na adversidade.
O seu compromiso coa cativada amósase en De cando o Suso foi carteiro, adobiado coas fabulosas ilustracións de Kristina Sabaite, é unha lectura recomendada a partir dos 10 anos.

Xosé Neira Vilas (Gres, 1928-2015), foi membro da Real Academia Galega e doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana, Autor dunha extensa obra literaria, da que cómpre salientar Memorias dun neno labrego (1961), a novela galega máis reeditada e traducida.

Ao longo da súa vida Neira Vilas recibiu numerosos galardóns, como por exemplo a Medalla Castelao en 1988. Nos Premios da Edición que concede a AGE recibiu o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano 2010. En 2014, recibiu, na modalidade de Letras, o Premio da Cultura Galega que concede a Xunta de Galicia e en 2015, a Medalla de Ouro de Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email