Hoxe celebramos o Día internacional dos Dereitor dos Nenos e das Nenas, unha data dedicada a toda a cativada do mundo.
Este día celebra os avances acadados, pero sobre todo é un día para dar a coñecer os dereitos na infancia e concienciar ás persoas da importancia de traballar día a día polo benestar e desenvolvemento dos máis novos.
Unha das claves para que as persoas poidan acadar unha mellor formación e pensamento crítico é a lectura. Ler e desenvolver un criterio propio dá liberdade a nenos e maiores para poder ser a persoa que desexen ser. Na Editorial Galaxia apostamos pola LIX, un dos xéneros de máis calidade nas nosas letras, pois cremos que é fundamental que os cativos poidan acceder a lecturas de calidade, que axuden á súa formación e crecemento intelectual.
Para primeiros lectores, recomendamos a lectura de O can e o gato, de Manuel Pombo, ilustrado por María Lires. Ambos, únense para crear unha atmosfera engaiolante arredor das aventuras dun can preguiceiro e testán que é o dono da casa… mais tamén o é dos seus donos! Unha ollada tenra sobre as relacións entre os humanos e os animais. Na colección Álbum O monsto e a nena, de Sergio Costas Chaos, ilustrado por Jorge J. Costas; ou A caca Cuca, de Irene Alonso Gasalla, ilustrado por Bea Gregores, que conta a historia de Cuca, un álbum distinto que trasmite valores de civismo e convivencia á cativada.
Na mesma colección, vimos de recibir fabulosas novidades como A receita do queixo lunar, de Paloma de Toro, ilustrado por Nuria Díaz, As caras da miña choiva, de Kristina Sabaite, un libro que, a través da imaxinación amosa todas as caras posibles da choiva.
Mañá vén meu tio, de Sebastián Santana Camargo, é unha obra para que os máis cativos da casa saiban que hai persoas que, por motivos ideolóxicos, son “desaparecidas” por quen non soporta ningunha clase de disidencia. Unha aposta diferente dun autor que é referencia no Uruguai e na Arxentina, que foi galardoado en 2015 como Mellor Álbum Ilustrado da Arxentina.
Para falar da parte dura da vida chega Chora, corazón, pero endexamais raches, de Glenn Ringtved. Un libro adobiado coas ilustracións de Charlotte Pardi, e traducido por Dragana Djordjevic, que prepara ás lectoras e lectores máis miudos para afrontar as dificultades da perda dos seus seres queridos.
Da colección Árbore, recomendamos a lectura De cando o Suso foi carteiro, de Xosé Neira Vilas, adobiado coas fabulosas ilustracións de Kristina Sabaite, é unha lectura recomendada a partir dos 10 anos.
Todos os días son bos para desfrutar da lectura. Celebremos, a través das letras, esta data e loitemos xuntas e xuntos por un mundo mellor.