Hoxe, 23 de febreiro, celebramos o día de Rosalía de Castro. A capitá das letras galegas.
Tal día coma hoxe, en 1837, nacía, en Santiago de Compostela, Rosalía de Castro, unha das figuras claves da nosa sociedade, é a escritora máis importante do Rexurdimento galego, así como a máis popular das autoras do país. A súa figura aparece na actualidade unida de forma indisoluble a Galicia.
Personalidade fundacional da nosa literatura e unha das voces literarias máis relevantes do século XIX europeo. Na súa obra, sen deixar de parte o compromiso co pobo, as clases traballadoras e a defensa da muller, están tamén presentes as correntes de pensamento máis importantes do momento.
É autora en galego dos poemarios “Cantares gallegos” e “Follas novas”, cos que a lingua galega volveu acadar cotas de alta calidade literaria logo de varios séculos de escuridade.
Para celebrar o seu legado, destacamos lecturas como:
CANTARES GALLEGOS. Unha das obras fundamentais da literatura galega de todos os tempos. O seu libro é considerado como a primeira grande obra da literatura moderna do noso país.
ROSALÍA DE CASTRO. CANTOS DE INDEPENDENCIA E LIBERDADE (1837-1863), de María Xesús Lama. Premio Nacional de Ensaio 2018. Neste volume da biografía de Rosalía de Castro nárranse as súas orixes familiares e os seus anos de mocidade. A autora, afonda nas viraxes inesperadas que obrigan a poeta a regresar a Compostela coa carga dunha responsabilidades familiares que lle fan reconsiderar a orientación da súa vida.
MIÑA CASIÑA, MEU LAR. Este libro, ilustrado por Blanca Millán, amosa o valor do pequeno, a loita pola supervivencia dos máis necesitados, a avaricia dos podentes, e malia todo a alegría por vivir e superar todas as adversidades da muller protagonista cociñando un humilde caldo de gloria e un bolo de pote.
SOBRE A LINGUA GALEGA DE ROSALÍA DE CASTRO, de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Investigación sobre a lingua empregada por Rosalía de Castro na súa obra. As investigadoras e profesoras de Lingua e Literatura Galegas atoparán nas páxinas desta monografía resposta precisa ás súas inquedanzas.