Libros para unhas vacacións de lectura

Categoría: Evento, Nova

A Editorial Galaxia publica novidades para todos os públicos. Que mellor maneira para pasar esta Semana Santa que gozando das mellores lecturas?
Estes días están chegando ás librarías de toda Galicia algunhas das novidades máis esperadas. Velaquí algunhas das nosas recomendacións:
O libro inédito NON TE AMOLA!, de Xela Arias, ilustrado por Luz Beloso. Un libro fundamental que ve a luz neste ano 2021 no que se homenaxea á autora no Día das Letras Galegas. Unha obra que amosa a faceta máis descoñecida de Xela, a de narradora. Trátase da única referencia narrativa da escritora luguesa, na que proxecta a súa infancia cara ao futuro. Imprescindible.
IDENTIDADE, de Nee Barros, publicado na colección Costa Oeste. Unha obra de teatro que fala da liberdade, da necesidade de ser e, sobre todo, da identidade. O simple acto de nacer marca a nosa vida nun molde que a sociedade se encarga de contornar e puír. Mais, que pasa se nacemos nun molde “equivocado”?. Unha aposta na que Zé, o noso protagonista, romperá todos os moldes.
TREVO. TRILOXÍA DE OUTONO, de Manuel Seixas, é un libro de poesía, publicado na colección Dombate, que amosa unha ollada íntima, sutil e crúa na procura do sentido desta existencia inexplicable. Un libro reflexivo que invita aos lectores a mirar as luces e sombras que gardan no seu interior.
NA PROCURA DO MEDO ESQUECIDO. CATÁLOGO DE CRIATURAS MITOLÓXICAS E FANTÁSTICAS DE GALICIA, de juáncho. Nesta obra réndese homenaxe a algúns deses seres que levan dando medo durante moitos séculos e hoxe vagan polo noso esquecemento. Perder o medo é un exercicio inútil de soberbia porque sempre nos rolda. Atréveste a descubrir o que acontece nestas páxinas?
AS MALAS MULLERES, Premio Blanco Amor 2020, de Marilar Aleixandre. Unha novela escrita contra a desmemoria, para recuperar a memoria das excluídas, reclusas no cárcere da Galera, da Coruña, en 1863. Asemade é un canto ao papel dos libros e a lectura en mellorar a vida das persoas, en dar esperanza ás desesperadas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email