Procurando o medo esquecido

Categoría: Nova

Na procura do medo esquecido. Catálogo de criaturas fantásticas e mitolóxicas, é o primeiro título do porriñense juáncho, que publicamos na Editorial Galaxia. Un libro singular que está deseñado en formato álbum ilustrado, dirixido a todos os públicos.
Trátase dunha aposta por compartir o patrimonio inmaterial de Galicia, as nosas criaturas máis escalofriantes como son o sacauntos, o lobishome ou a coca. A nosa é unha cultura rica en supersticións que hoxe é posible materializar neste fermosísimo libro. Atopámonos ante un traballo excepcional que deambula pola mitoloxía galega, polas lendas e a cultura popular.
Lendo este libro, as lectoras e lectores poderán realizar unha viaxe ao mundo fantástico e de medo da Galicia máis profunda. A través dunha linguaxe que mestura a estética das redes, entre Instagram e Twitter, juáncho amosa e reivindica o valor do propio. A muller, forte e independente, xoga tamén un papel fundamental neste traballo.
Achegádevos a esta proposta visual e única para coñecer máis de preto un mundo fantástico, totalmente afastado de convencionalismos, da Galicia máis profunda. Un libro imprescindible.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email