Reunido hoxe o xurado, no Concello da Estrada, formado pola poeta Yolanda Castaño Pereira, a ilustradora Rosa Cabanas, o crítico literario Armando Requeixo, Carlos Loureiro Rodríguez, como secretario, e Sara Valcárcel Maceira, responsable de Comunicación e coordinadora de novos proxectos de Editorial Galaxia, escolleu por unanimidade a obra gañadora.

Despois de valorar orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, o xurado acordou conceder o I Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada EVA, A CARTEIRA ESPACIAL, de Gloria Gómez Pavía.

O xurado destacou desta novela que é unha proposta moi expresiva con ilustracións orixinais e cunha linguaxe propia, que nos adentra nun mundo evocador cunha paleta de cores impactante e atractiva. Vertebra cuestións de ciencia nun relato integrador que apunta valores comunitarios, ben equilibrados coa vontade individual, autonomía persoal e a posta en valor dos oficios de sempre, da importancia dos procesos e das súas necesarias esperas. A acollida do pequeno, do diferente, no seo dunha comunidade plural e que teña en conta os coidados; a interconexión, a comunicación, a socialización máis humana son outros dos acertos a xuízo dun xurado que puxo en alta estima a numerosa participación e abraiante nivel creativo das propostas.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR