Presentación de “Na procura do medo esquecido”, en Vigo

Categoría: Nova

Mañá, mércores 31 de marzo, celebrarase, ás 20 h, na sede da Deputación de Pontevedra, en Vigo, a presentación do libro Na procura do medo esquecido. Catálogo de criaturas mitolóxicas e fantásticas de Galicia, de juáncho.
Acompañando o autor, asistirá Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Como o aforo é limitado, recoméndase confirmar asistencia no seguinte correo:
galaxia@editorialgalaxia.gal
O acto contará con todas as medidas de seguridade.
Perder o medo é un exercicio inútil de soberbia porque sempre nos rolda.

É unha falta de respecto. Nesta obra réndese homenaxe a algúns deses seres que levan dando medo durante moitos séculos e hoxe vagan polo noso esquecemento. A natureza aparece como protagonista, pois pon o escenario, a luz e os personaxes principais no seu deambular polas nosas almas. Nas encrucilladas acotío moitos ollos presencian, e logo contan, o que acontece. Feitos extraordinarios narrados dun xeito sinxelo, directo e coloquial.
Juáncho é licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo (2004) e conta co Ciclo Superior de Artes Plásticas e Deseño en Gráfica Publicitaria da Escola de Arte e Superior de Deseño de Ourense (2001). Nacido no Porriño en 1977, dende cativo foi unha persoa moi inqueda e gustoulle relacionarse coa cultura, a arte e a ilustración. É un apaixonado do debuxo e da banda deseñada, e de aí que, en 1996, fundase e coordinase un fanzine que dinamizou dende O Porriño, e que contou con colaboracións de artistas de toda Galiza. Era o Comikaze, unha publicación aperiódica de BD que se prolongou ata 2005. Ao longo das súas oito edicións, o fanzine chegou a albergar colaboracións de artistas da categoría de Emma Ríos e tentou ser soporte para dar visibilidade a novos talentos. Crea, en 2008, un estudio de comunicación (publicidade e ilustración) no Porriño, que leva por nome: “juáncho DEBUXA & DESEÑA”. Nestes máis de dez anos traballou e colaborou con clientes de distinta entidade e natureza como a Universidade de Vigo, o Festival de Cans, o Festival Reperkusión, a Festa Arde o pazo, e mesmo o disco-libro, María Fumaça.

Comparte nas túas redes sociais ou por email