O pleno da Real Academia Galega (RAG) vén de elixir a Lourenzo Fernández Prieto como novo académico de número. O historiador e profesor pasará a ocupar a vacante que deixou a poeta Luz Pozo Garza co seu pasamento en abril de 2020.
Fernández Prieto, que no seu día concorreu na carreira a reitor da Universidade de Santiago de Compostela, é catedrático de Historia Contemporánea. Mais é moi recoñecida a súa traxectoria como historiador, especialmente nas liñas que o guiaron pola historia agraria contemporánea e tamén polo estudo da Guerra Civil e da ditadura franquista.
Fontes da RAG destacaron que no campo da historia agraria, o novo académico fíxose un nome “pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, ocupándose das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e a sociedade rural cun enfoque ambientalista”.
Ademais, contribúe dunha forma máis ampla ao coñecemento pois coordina o Grupo de historia agraria e política no mundo rural (Histagra) e está á fronte da Cátedra Juana de Vega de Estudos Agrarios.
Foi en 2006 cando tamén apostou na investigación do golpe de Estado do 1936 e os acontecementos que o sucederon. No marco do proxecto interuniversitario Nomes e Voces “abriu unha serie de estudos que se converteron nunha referencia no campo da historiografía española e internacional do século XX”.
Na Editorial Galaxia publicamos na colección Ensaio o libro Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo, froito do traballo de Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho.