Este 27 de marzo é o Día Mundial do Teatro: que mellor ocasión para destacar unha das novidades máis recentes da Editorial Galaxia: Identidade. A normalidade do non-común, de Nee Barros.

O teatro é quizais o xénero que mellor reflicte a vida, permitindo á vez ao espectador e lector observar e reflexionar sobre a realidade. O afastamento da acción permite a catarse.

Unha viaxe catártica é precisamente a que emprende Zé, o protagonista de Identidade, e que podemos intuir xa nas primeiras liñas:

“Un simple acto, o de nacer, é o que marca a nosa vida. A nosa chegada termina por determinar o noso final, e tamén o noso percorrido”

Un percorrido que levará a Zé a buscar e afirmarse na súa propia identidade, fronte a unha sociedade chea de etiquetas que pretende encerralo nun molde no que sente que non encaixa. Nesta viaxe, na que conta co apoio dos seus amigos e pais, pouco a pouco irá facendo caer todas as vendas negras que non deixan ver a súa verdadeira esencia. Todos os prexuizos en contra do que non é considerado como normal.

Identidade é unha clara aposta polo necesario teatro en galego para todos os públicos. Pertencente á colección xuvenil Costa Oeste, supón a estrea como dramaturgo deste novísimo autor, que a escribiu cando tiña só catorce anos. Nee Barros dótaa dunha linguaxe directa á mente e ao corazón e unha posta en escea hipnótica, que atrapa ao lector na historia e alcanza altas cotas de emoción. Polifacético – Nee Barros defínese como “youtubeiro”, ademais de cantante ou poeta -, desde Galaxia agardamos que siga cultivando o xénero que este día 27 conmemoramos.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR