En Editorial Galaxia seguimos a apostar por achegar ás novas xeracións libros que esperten a súa curiosidade, fomenten o espírito crítico e lles abran as portas a mundos fantásticos e a historias que tamén dialogan co presente. Estas son algunhas das recomendacións máis recentes para lectoras e lectores novos:
Púrpura Tero, de David Cortizo Conde (Colección Costa Oeste)
Unha aventura no tempo e no espazo que combina ciencia ficción e defensa da cultura propia. A historia de Ausela e da súa cuadrilla é un canto á amizade e á resistencia fronte ás ameazas externas.
Castelao segundo Rañolas, de Marilar Aleixandre (Colección Costa Oeste)
Unha biografía diferente, contada polos personaxes creados por Castelao. Unha maneira amena e próxima de achegar a súa vida e obra á mocidade, convidando a seguir explorando os seus libros.
Agora que vén a noite, de Marcos Calveiro (Colección Costa Oeste)
Unha novela que conecta tradición e presente a través da música e da memoria. A historia de Zoe, a súa madriña Primitiva e Roi é tamén unha homenaxe á nosa cultura popular e ás mulleres que a transmitiron.
Rosalía oculta, de Paula Mayor (Colección Novela Gráfica)
Unha achega en banda deseñada á figura de Rosalía de Castro, que nos revela a súa forza pioneira e a vixencia das súas ideas. Premio Castelao de Banda Deseñada 2023.
Gaiolas, de Miguel Vázquez Freire con ilustracións de Xosé Tomás (Colección Xohán Ledo)
Catro voces femininas que falan da importancia de recoñecer as gaiolas visibles e invisibles que aínda existen. Un libro que invita a reflexionar e a liberar historias.
Estas obras son só unha mostra dun catálogo que medra coa mesma ilusión coa que o público xuvenil descobre novas aventuras. Todas estas lecturas e outras moitas poden atoparse no catálogo do Plan lector de secundaria de Editorial Galaxia.