Este domingo celebramos, no Hotel Literario Bela Fisterra, un encontro arredor do 75 aniversario de Editorial Galaxia.
O acto contou coa presentación de dúas obras que amosan a vitalidade da nosa literatura: O lanzador de coitelos, Premio Galaxia de Novela 75 Anos, de Fernando Castro Paredes; e O tenro é o salvaxe, de Samuel L. París. A escritora Concha Blanco foi a encargada de conducir a sesión.

Asistiron ao encontro María Pereira, directora de Merlín Comunicación, e persoas do mundo da cultura como Xavier Alcalá, conselleiro de Galaxia e escritor.
O Bela Fisterra, único hotel literario de Galicia, converteuse unha vez máis nun espazo privilexiado para celebrar a palabra escrita, co Atlántico como pano de fondo. Ademais da literatura, tamén houbo lugar para a música, grazas á actuación do grupo folk Sib do Solpor, que puxo o broche sonoro a unha xornada de cultura e memoria compartida.
Con este acto, Editorial Galaxia continúa a celebración das súas sete décadas e media de traxectoria, reafirmando o seu compromiso coa creación literaria e coa cultura galega.
