Castelao reúne voces da cultura galega na Fundación Penzol

Categoría: Nova

Onte, mércores 24 de setembro, celebramos na Casa Galega da Cultura (Fundación Penzol) a presentación de Sempre en Galiza. Escolma posible, unha nova edición ao coidado de Henrique Monteagudo con introdución de Xosé Manuel Dasilva.

No acto, interviron Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol; Patricia Arias Chachero, codirectora da Biblioteca 75 Aniversario e conselleira de Editorial Galaxia; Abel Caballero, alcalde do Concello de Vigo, Xosé Manuel Dasilva, autor da introdución do libro; e Henrique Monteagudo, editor do volume.

O acto reuniu a figuras do mundo cultural e académico galego, como Xesús Alonso Montero, ensaísta, poeta e expresidente da Real Academia Galega; Víctor F. Freixanes, escritor e tamén expresidente da RAG; Henrique Monteagudo, sociolingüista, profesor da USC e actual presidente da Real Academia Galega; e Xosé Manuel Soutullo, director de Editorial Galaxia.

Nun ambiente de reflexión e lembranza, púxose en valor a vixencia da obra maior de Castelao, auténtico alicerce do pensamento galeguista contemporáneo. No marco do Ano Castelao 2025, en Editorial Galaxia reafirmamos o noso compromiso coa difusión da súa figura e coa posta a disposición do público dun catálogo que permite revisitar a súa achega desde múltiples perspectivas.

Sempre en Galiza. Escolma posible é unha oportunidade para achegarse de novo a un texto fundamental, revisado para ofrecer unha lectura fiel, actual e accesible, que nos interpela como sociedade e como nación.

Comparte nas túas redes sociais ou por email