Rolda de prensa de presentación arredor de “Odio”, en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

Este luns, celebrouse, no Salón de Actos do Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, unha rolda de prensa arredor de Odio, Premio Neira Vilas de LIX, de Gabriel Romero de Ávila.

Acompañando o autor, estiveron Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia; Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Neira Vilas, e Xosé M. Soutullo, director de Editorial Galaxia.

As Terras de Poñente están a piques de estourar. Unha nova guerra entre humanos e droides semella inevitable.

Con ecos de ciencia ficción clásica e unha marcada identidade galega, Gabriel Romero de Ávila lévanos a un futuro no que Neo Vigo, a cidade dos neóns e dos rañaceos antigravitatorios, aínda arrastra a memoria da bomba atómica sobre Balaídos. Mentres tanto, un influencer reabre feridas do pasado e seis replicantes aparecen mortos no Museo do Pobo Galego. A nova carreira ilegal de droides, prevista xunto á catedral de Auria, promete ser un espectáculo seguido en toda a galaxia.

Nese contexto de tensión e distopía, a inspectora N4rv43z, da División de Seguridade da Fundación Omnia, será a encargada de tirar do fío.

Gabriel Romero de Ávila (Madrid, 1978) Médico de profesión, asentado en Galicia desde 2003, realiza un amplo labor literario que inclúe textos de xéneros moi variados. Colaborador en revistas, páxinas web, sociedades e faladoiros literarios, a súa paixón é o xénero de aventuras, en calquera das súas formas, por iso teima en escribir historias que fagan soñar, rir, pensar e evadirse do mundo.

Con esta proposta dirixida ao público xuvenil convida a reflexionar sobre a tecnoloxía e a sociedade.

Comparte nas túas redes sociais ou por email