O xoves 25 de setembro, celebrarase, ás 19 h, na Biblioteca do IES Valle-Inclán de Pontevedra, a presentación do libro “Comandantes e familiares”, de Xavier Alcalá.
Acompañando o autor, estarán Xaime Toxo, presidente do Ateneo de Pontevedra; e Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia.
“Comandantes e familiares” é a continuación de “A capital do mundo”, nova entrega das novelas de Xavier Alcalá baseadas na epopea da emigración. Escrita man a man coa realidade histórica, documentada, antecede a “Tempo de fugas” dentro da “Triloxía dos Mayimbes”.
1961. Na Habana, Nieves Docampo non dá esquecido o seu amor coruñés, mais acepta a oferta simpática dun dos seus pretendentes, cardiólogo famoso e declarado “imprescindible” polo sistema castrista. A partir do casamento, as relacións da emigrante multiplícanse e chegan ata o núcleo profundo dos mayimbes. Para Fidel, Raúl, Celia Sánchez, o Che e outros comandantes, pasa a ser La Galle. Tamén o é para a irmá díscola do Castro Ruz, Juanita. Vive con privilexios na barafunda da revolución triunfante; mais nunca esquece Nova York, capital do mundo.
Xavier Alcalá (Miguelturra, Cidade Real, 1947) é enxeñeiro de Telecomunicación e doutor en Informática. Criado e formado en Ferrol, amosou cedo a súa vocación literaria en letras de cancións, artigos de xornal e relatos breves. Nos textos longos iniciouse con Voltar, seis personaxes e un fado (1972), ao que seguirían títulos como A nosa cinza (1980), Fábula (1980), Premio Cidade da Coruña e da Crítica Española, Nos pagos de Huinca Loo (1982), Cárcere verde (1990), Latitude austral (1991), Código morse (1996) e Alén da desventura (Premio Blanco Amor, 1998) Tamén é autor da triloxía Evanxélica memoria sobre os avatares das comunidades evanxélicas en Galicia, constituída polas novelas Entre fronteiras (2004), Nas catacumbas (2005) e Unha falsa luz (2007). En 2012 publicou Verde oliva, novela sobre a revolución cubana contra Batista, e en 2018 The Making of, onde descobre aventuras perigosas e silenciadas da emigración galega na Arxentina. En 2024 volveu a Cuba con A capital do mundo, primeira entrega da Triloxía dos Mayimbes.