En Editorial Galaxia celebramos dúas novas que volven poñer no centro da actualidade a figura de Castelao, neste ano no que celebramos o seu legado, referencia esencial da nosa cultura.
Por unha banda, chega ás librarías a reedición de Obras Castelao 1, volume que reúne toda a súa obra de ficción literaria: Un ollo de vidro, Cousas, Retrincos, Os dous de sempre e Os vellos non deben de namorarse, ademais de prosas recuperadas e un completo apéndice. A edición, ao coidado de Manuel Rosales, inclúe notas explicativas e unha introdución que contextualiza a importancia destes textos no noso sistema literario.
Ao tempo, presentamos en Vigo, na Casa da Cultura (Fundación Penzol), ás 19:30 h, Sempre en Galiza. Escolma posible, unha nova edición preparada por Henrique Monteagudo e con introdución de Xosé Manuel Dasilva. Un volume que actualiza a histórica escolma de Marino Dónega de 1964, e que busca achegar o pensamento político de Castelao a un público amplo, respectando a fidelidade ao texto orixinal e facéndoo máis accesible.
No acto, intervirán Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol; Patricia Arias Chachero, codirectora da Biblioteca 75 Aniversario e conselleira de Editorial Galaxia; Xosé Manuel Dasilva, autor da introdución do libro; e Henrique Monteagudo, editor do volume.
Dúas obras complementarias que mostran a vixencia cultural de Castelao, imprescindibles para comprender Galicia.