O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, é tamén unha oportunidade para volver ás historias que nos permiten entender mellor o mundo e a nós mesmas.
Desde Galaxia queremos celebrar esta data propoñendo algunhas lecturas que poñen no centro as experiencias das mulleres. Novelas que nos falan de vínculos, perdas, rebelións e esperanzas, e que constrúen universos nos que as protagonistas afrontan os desafíos da vida, ofrecendo tamén referentes nos que mirarnos.
Entre elas está Nailía, de Loli Rodríguez Rodríguez, gañadora do Premio Torrente Ballester 2024. A novela preséntanos a Lía, nai e avoa, coidadora e guía silenciosa para os seus. A través da súa mirada, o relato vai debuxando un universo de mulleres distintas, vulnerables e entrañables, que atravesan o amor, o desamor, a esperanza ou o perdón. Cunha narración áxil e chea de imaxes poéticas, a obra constrúe unha historia de superación e de memoria emocional.
En Perder o norte, de María Quiroga, Premio Illa Nova de Narrativa 2025, a protagonista emprende unha viaxe en bicicleta tras a perda inesperada dunha persoa querida. No camiño, entre lembranzas, silencios e conversas con descoñecidos que percorren o Camiño de Santiago, vai ordenando pensamentos e emocións. A novela convértese así nun percorrido íntimo polos territorios da dor, da culpa e da procura de catarse.
Tamén en Illa de sangue, de Carmen V. Valiña, Premio de Narrativa Breve Repsol 2025, as voces das mulleres ocupan o centro do relato. Helena chega a unha illa marcada polos segredos e pola memoria para escoitar as historias de Coral, Lucía, María ou Lucrecia. Mulleres atravesadas polos soños truncados e pola culpa, unidas para sempre pola fatalidade dunha illa. Unha narración intensa que explora as feridas do pasado e a forza das voces que se negan a desaparecer.
Por outra banda, Eu son de aquí e de alá, de Tamara Andrés, propón unha indagación literaria arredor da figura de Matilde Lloria (1912–2002), poeta que viviu entre Valencia e Galicia e que cultivou a súa obra en valenciano, galego e castelán. Enfiando as voces de diferentes persoas convertidas en personaxes, a autora constrúe unha pescuda sobre unha escritora alófona e migrante, nun exercicio de memoria fragmentada que se sitúa entre a investigación, o relato e a reparación das historias que ficaron nas marxes.
Por último, Punto de araña, de Nerea Pallares, Premio García Barros 2025, lévanos a Camariñas, unha vila mariñeira na que as mulleres deciden rebelarse contra unha orde que as mantivo durante demasiado tempo nun segundo plano. Palilleiras, redeiras, mariscadoras e traballadoras da conserveira toman unha decisión que pode cambialo todo. A novela constrúe unha historia coral, tecida coas voces de varias xeracións de mulleres que reclaman o seu lugar.
Convidámosvos a redescubrir estas historias, nas que mirarnos, acompañarnos e sentirnos máis fortes. Porque as voces das mulleres seguen abrindo camiños.