Editorial Galaxia recupera “A orella no buraco”, de María Xosé Queizán

Categoría: Nova

Editorial Galaxia rescata A orella no buraco, a primeira novela de María Xosé Queizán, publicada en 1965. Considerada unha obra innovadora, trasladou á literatura galega os postulados do Nouveau Roman francés a través do vagar dun personaxe marxinal por unha cidade europea.

Este experimento formal, que procuraba a renovación da literatura do país e o seu achegamento á modernidade do momento, converteu a obra nun dos títulos máis importantes da Nova Narrativa Galega, que deu novos folgos ás nosas letras nos anos sesenta do século XX.

MARÍA XOSÉ QUEIZÁN (Vigo, 1939) é escritora, ensaísta, tradutora e pensadora feminista. Considerada unha das autoras máis relevantes da literatura galega, entre as súas novelas destacan A orella no buraco (Galaxia, 1965, 1984), Amantia (1984), A semellanza (1988), O segredo da Pedra Figueira (1989), Amor de tango (1992), Ten o seu punto a fresca rosa (2000), Sentinela, alerta! (2002), O solpor da cupletista (2003), Meu pai vaite matar (2011), A boneca de Blanco Amor (Galaxia, 2014) e Son noxento (2015).

Como poeta publicou os libros Metáfora da metáfora (1991, 2024), Despertar das amantes (1993), Fóra de min (1995), Non o abras como unha flor (2004) e Cólera (2007).

No ámbito do teatro é autora de Antígona, a forza do sangue (1991), Cartuxeira (2008) e Neuras (2008). Entre os seus ensaios destacan A muller en Galicia (1977), Anti natura (2008), Rosalía de Castro e o poder sexual (2017) e Despoxos e vísceras ilustres (2019).

Comparte nas túas redes sociais ou por email