Galaxia estará na Feira do Libro de Ponteareas

Categoría: Nova

O xoves 14 de xullo comeza a Festa dos Libros de Ponteareas. Celebrarase, dende o 14 ao 17, na Praza Maior da localización, en horario de 12:00 a 14:00 h e 18:30 h a 22:00 h. O sábado a apertura celebrarase ás 11 h, e o primeiro día, xoves 14, a feira será só pola tarde.
Durante o evento, todas e todos os interesados poderán asistir a presentacións, sinaturas e faladoiros, para todos os públicos.
Que mellor maneira para escapar da calor do verán que sumerxíndonos nas mellores lecturas?
A Feira acollerá novidades como Planeta Bugallo, de Raquel Castro, ilustrado por Blanca Millán, o xoves 14 de xullo, ás 19 h. Presentarase, nunha conversa entre a autora e Manrique Fernández, escritor e xornalista.
Esta é unha obra destinada á cativada, publicada na colección Árbore, que foi estreada nas XVIII Xornadas de Teatro de Alxén polo Grupo de Teatro Ata Sempre de Alxén, en maio de 2017. Chega agora en formato libro, adobiado coas cores e sensibilidade de Millán.
Esta historia ten por protagonistas a dous extraterrestres que, de súpeto, chegan á terra. Falan galego porque o galego é a lingua de todo o Universo. Procuran falantes de galego en Galicia e… cústalles atopalos.
A través dunha escrita chea de retranca, Castro agasállanos un libro divertido a nivel cósmico onde, abofé, as risas están aseguradas.
A partir das 19 h, os amantes da poesía poderán achegarse á caseta da libraría Ledo, onde Manel Monteagudo estará asinando Mar e vento, ilustrado por Pablo Prado.
Un libro que mestura o amor polo mar, acompañado coa pluma de Prado.
O panorama musical estará presente na sinatura Son da cidade, de Pablo Vázquez e Denis Carballás, que se celebrará na libraría Terra, ás 19:30 h.
Dunha maneira visualmente atractiva, amena e accesible a todo tipo de públicos, os autores, achegan ás lectoras e lectores, á movida viguesa. Dende o rock ao trap, pasando polo folk, reggae e jazz, nas súas páxinas altérnanse textos, debuxos e material gráfico sobre case cincuenta artistas locais que representan a súa ampla e variada escena musical.
Para rematar o día, Diego Giráldez e Manrique Fernández conversarán, ás 21 h, arredor da última novela do escritor do autor: O meu sangue.
Escrita cun marcado estilo persoal, O meu sangue mergullará ás lectoras e lectores nunha intriga que arrastra ao particular descenso aos infernos do protagonista e a unha defensa irracional do que nos fai máis felices: os seres e os lugares queridos.
O venres 15, Juan Parcero asinará A soidade selénicaás 20:30 h, na caseta da libraría Terra.
Esta obra é a encargada de inaugurar a colección Ficción Científica de Editorial Galaxia. A través da súa escrita, Parcero sitúa ás lectoras e lectores nun futuro oceánico e nuclear, no que a única saída para a humanidade será a vida fora da Terra.
Charo Pita presentará, na compaña de Manrique Fernández, a súa novela Retratos en branco e negro, o sábado 16 de xullo, ás 20 h.
Pita amosa a súa versatilidade como autora, expoñendo e compartindo retratos fantasmais onde o extraordinario e o cotián, a fotografía e a palabra, protagonizados polo branco e negro, van da man para construíren realidades, que apuntan á nosa.
Para poñer o broche final ao programa, Sara Vila asinará, o domingo 17, ás 13 h, Oito días sen Eva Cortes, Premio Illa Nova 2021, de Sara Vila, na caseta da libraría Terra.
Oito días sen Eva Cortes atrápanos dende o primeiro capítulo e mantén un pulso coa actualidade no tratamento de moitos temas candentes. Con gran solvencia narrativa transitamos pola vida de dúas mulleres que teñen moito en común, especialmente nos seus desexos e medos.
Vémonos, na Feira!

Comparte nas túas redes sociais ou por email