Xa sabedes cales serán as vosas lecturas durante este verán? Se aínda non o tedes claro, ou queredes aumentar a vosa lista de libros pendentes, recomendamos algunhas historias para compartir, fabulosas.
Trátase de álbumes enfocados á cativada, que chegarán a finais deste mes á nosa editorial. A partir de agosto, todas e todos poderedes desfrutar da maxia das derradeiras novidades do noso catálogo.
Elvira Ribeiro Tobío volve a sorprender de novo cunha orixinalísima proposta. Despois de agasallarnos con Mar de mazá, ilustrada por Begoña G. Arce, obra gañadora do Premio Follas Novas na categoría de Mellor Libro Infantil 2022, selección na OEPLI 2020 e destacada na lista de Honra da revista CLIJ; chega Lagarta, Lagarta, un libro ilustrado pola talentosa Sofía Venzel.
A través dunhas impactantes imaxes, todas e todos poderán ler esta obra dende o principio ou o final, na que a cativada entrará nun xogo poético, cheo de significado. Unha proposta necesaria que fai valer a voz e a liberdade feminina.
Faro e o seu día importante, é unha historia de Alfredo Blanco Martínez, ilustrada maxistralmente por Ana Santiso, que abraza a diversidade e anima ás nenas e nenos a atravesar os seus medos, na busca da autonomía e o desenvolvemento persoal.
Sempre sorrimos igual? Esta é a pregunta que fai Thalía Troitiño González en O poder máxico do sorriso, adobiado coas ilustracións de Luz Beloso. A protagonista desta historia, Mara, sabe que hai moitos sorrisos distintos e que non sempre son idénticos.
Esta historia amosa o poder das emocións e a maxia do sorriso.
Para as lectoras máis miúdas o autor Antón Cortizas presenta Os dez animais, ilustrado coa delicadeza de Lidia Nokonoko. Esta proposta é estupenda para as idades nas que comezan a contar. Que mellor maneira de aprender que a través dunha historia tan creativa?
Moi axiña, todas estas lecturas, e moitas máis, estarán dispoñibles en todas as librarías de Galicia.
Gozade do verán, cas mellores obras.