Hoxe comeza a Feira do Libro de Lugo. A cidade da muralla acollerá esta festividade das letras, na Praza Maior, dende o luns 13 ata o venres 17 de maio, Día das Letras Galegas.
A programación estará fornecida por actos para todos os públicos. Velaquí a nosa programación:
Martes 14 de maio, ás 18:30 h. Presentación de Contrabiografía, de Xabier López López.
Publicada na colección Literaria, é unha biografía á contra ou non. Un texto da estirpe dos híbridos, o motor desta obra é unha navegación río arriba, unha pescuda das orixes da memoria familiar, unha historia real con trazas de traxedia grega que busca e recrea pontes, rías, pasadizos e viaxes de ida e volta, do Golfo Ártabro a América.
Mércores 15 de maio, ás 18:30 h. Presentación de O paso en falso, de Abraham Pérez.
Acompañando o autor, estará Xosé de Cea, escritor.
O paso en falso pódese ler como unha novela de formación, inclusive de formación do artista; como unha novela política, existencial: un spleen cun sutil fío de humor que tenta retratar unha época e unha xeración devastada pola crise económica. Un burlesco xogo de máscaras, ou nada disto, talvez, que fai un retrato da Galicia contemporánea.
Xoves 16 de maio, ás 17:30 h. Espazo Carpa, un espectáculo musical infantil e familiar arredor de A Ramona pequena vai á lúa, de Pakolas, ilustrado por Laura Romero.
Un álbum publicado na colección Sonárbore que conta a historia da Ramona pequena. Unha aventura rockeira fantástica.
O LibroQR que recolle o conto da pequena Ramona Órbita, e as letras das 10 novas cancións de Pakolas, conta ademais cunhas fermosas ilustracións de Laura Romero, que de seguro farán as delicias dos máis cativos.
Ás 18:30 h. Espazo Carpa. Unha conversa de premio: con Irene Rega Jul, autora de Tecendo redes, Premio Vilar Ponte de Novela, e Pablo J. Rañales, autor de Os afogados, Premio Illa Nova.
Tecendo redes é unha novela de intriga, que tamén esculca nas miserias da sociedade e nas vítimas dos abusos de poder, na dor do silencio e na culpa. Nesta obra, as lectoras e lectores asistirán á historia de Verónica, unha muller que vén de recibir a oferta do traballo da súa vida, un traballo no que deberá compartir espazo coa persoa que arruinou a súa vida… Unha lectura trepidante que mestura os mellores mecanismos de misterio e acción.
En Os afogados, Rañales introduce ás lectoras e lectores sobre unha nova especie animal que invade a Galicia do século XXI. Os afogados, uns seres compostos de cunchas, algas e navallas, emerxerán do máis fondo do Océano Atlántico e encherán todas e cada unha das praias. Empregando a linguaxe inclusiva, o autor achega a súa escrita, a través de diálogos directos, sen artificios. Nesta historia, o autor sitúa a familia ao servizo da comunidade, introducindo o tema do medo, e os tan actuais discursos de odio.
Agardámosvos na cidade lucense, festexando as nosas Letras!