Contrabiografía non é unha biografía á contra. Máis ben é unha autobiografía inversa, unha velada chiscadela ao Everybody’s Autobiography, de Gertrude Stein, onde se nos ensinou que a mellor maneira de falar dun mesmo é falar deles, dos outros, daquelas persoas e espazos contra os que nos recortamos coma unha sombra.
Texto da estirpe dos híbridos, o motor de Contrabiografía é unha navegación río arriba, unha pescuda das orixes da memoria familiar que —co pretexto de dar conta dunha vinganza, un asasinato, unha execución, unha historia real con trazas de traxedia grega— busca e recrea pontes, rías, pasadizos e viaxes de ida e volta, do golfo Ártabro a América, deste século aos séculos pasados, para, acaso sen pretendelo, descubrir que todo é estrañamente parecido ao que nos contaron.
(Bergondo, 1974) é autor dunha extensa obra narrativa que inclúe novelas como Doutor Deus (1999), A estraña estrela (2003), A vida que nos mata (Premio García Barros 2003), Trinta e dous dentes (2007), Cadeas (2013), Olympia Ring, 1934 (2014) e 900 (Premio Torrente Ballester 2018), ás que se engade o libro de relatos Os libros prestados (2010). No ámbito da literatura infanto-xuvenil, publicou, Biff, bang, pow! (1997), Cando Artur non era rei (2012) e O segredo da vella librería (2018), entre outras. En castelán, obtivo en 2018 o Premio Juan March Cencillo de novela breve con Max & Franz. As súas obras foron traducidas para o castelán, o portugués, o inglés, o árabe e o chinés, e recibiu diversas distincións, como o Premio Risco de Literatura Fantástica, o Xerais de novela, o Premio da Crítica Española e o Lueiro Rey de novela curta.