Este poemario nace da capacidade de asombrarnos e descubrimos a fermosura das pequenas cousas.
Marta Dacosta ofrece en “Notas sobre a extinción” a opción de comprobar que a poesía é quen de borrar os límites do tempo e o espazo. Arquitecta da palabra, a autora crea un universo do máis persoal e sensorial ao que podedes acceder a través desta amena lectura.
“ESCOITA
isto
é a palabra,
eixe
sobre o que xira esa
esfera
realidade que
terra nomeamos”
Versos que evocan natureza e unha sensibilidade extrema cara ao que nos rodea. Poesía-antídoto, poesía-paz. Contemplar a beleza e retela canda nós, observando a vida e capturándoa en palabras.
“LUZ
esvarando sobre as conversas de mañá
que no seu xogo de espellos
recuperan as imaxes doutros días
luz que se tende como un cobertor de estrea
en que aniñan as palabras que imos ganduxando”
A palabra como menciña e solución cara ao efémero da vida. Marta Dacosta retén as verbas nun exercicio de preservar todas as cousas fermosas que sentimos e que nos ofrece a vida. Unha lectura imprescindible.
Marta Dacosta (Vigo, 1966) comezou a publicar poesía na década de 1980, a través de colaboracións en diferentes revistas. O seu primeiro libro publícouse en 1993. Recibiu o accésit do premio Esquío e os premios González Garcés, Martín Codax, O Figurante e Johán Carballeira, entre outros. A súa obra foi recollida en antoloxías e traducida a varias linguas, sendo musicados algúns dos seus poemas ou incorporados a proxectos teatrais. Entre a súa obra poética destacan: Crear o mar en Compostela, Pel de ameixa, Setembro, En atalaia alerta, As Amantes de Hamlet, Cinsa, Acuática alma, Argola, Dun lago escuro, Na casa da avoa e Labirinto ou memoria.