Presentación de “Os mundos de agora”, en Ourense

Categoría: Nova

O xoves 22 de xullo, celebrarase, ás 20:30 h, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dentro da programación do ‘Foro La Región’, a presentación do libro Os mundos de agora, de Lois Oreiro.
Baixo o título de OS ROBOTS NON PENSAN NIN AMAN, INFLÚEN. Intelixencia artificial e implantes tecnolóxicos que condicionan o humano,  Marcus Fernández, webmáster de Código Cero e experto en tecnoloxía, presentará o libro.
O libro de Lois Oreiro, Os mundos de agora, dá comezo á colección titulada Hoxeéhoxeunha nova proposta de Editorial Galaxia dedicada ao ensaio sobre temas de actualidade.⁣
Oreiro reflexiona sobre o concepto transhumanidade, que ten que ver cunha sociedade cada vez máis dixitalizada. A súa escrita debate sobre como as fronteiras entre o dixital e o humano vanse adelgazando cada día.
O mundo tal e como o coñecíamos está cambiando a través dun proceso tecnolóxico irreversible. Os mundos de agora intúen unha nova realidade, tecnificada incluso no propio corpo humano, a través de implantes cerebrais e corporais, aptos mesmo para pensar por nós.
Esta transformación terá claras repercusións na economía e na saúde. Un reto que esixe modificar a intelixencia, os sentidos, as emocións… Cara onde imos?
O autor invita ás lectoras e lectores a reivindicar algo fundamental: o dereito á liberdade de pensamento; neste ensaio no que denuncia o papel que os imperios tecnolóxicos xogan diariamente nas nosas vidas. Cara a onde imos? Seremos ciborgs? Serán o amor e o pensamento as novas revolucións? Unha lectura necesaria para reflexionar.
Lois Oreiro (Zas 1966) é escritor e xornalista. Traballa na TVG. Licenciado en Ciencias da Información pola UCM, entre 1989 e 2004 foi reporteiro da CRTVG fóra de Galicia e de volta aquí alternou ese labor con colaboracións no utros medios audiovisuais. Publicou artigos en Grial, Diario de Pontevedra, La Opinión de A Coruña, Xornal de Galicia e Avui.cat. É autor do libro Xallas. Teoría da existencia e do poemario Uns ós outros.

Comparte nas túas redes sociais ou por email