O xurado do premio de Novela Manuel García Barros composto por Anxos Sumai, Carmen Ferreira, Carlos Lema, Armando Requeixo e Carlos Loureiro, en calidade de secretario fallou, na mañá de hoxe mércores a trixésimo terceira edición deste premio que foi, por maioría, a parar a mans de Alberto Lema pola obra “Pazo de inverno”.

O autor, que compaxina o seu labor político coa escrita literaria, conta xa cunha ampla traxectoria no ámbito editorial onde ten publicados varios poemarios como Plan de fuga e Crónica do chan, e novelas como Da máquina, Unha puta percorre Europa ou Sidecar, coa que acadou o premio Ánxel Casal.

Seleccionada entre un total de 41 traballos presentados, o xurado destacou desta novela a súa capacidade para recrear unha ficción coas fías das loitas de poder. As esferas do empresarial, o político e o periodístico gandúxanse para tecer unha crónica de contraluces hipnóticas. Nesta obra nada é o que parece e os trasfondos e maquinacións dos grupos de influencia acaban por nos revelar un complexo mapa de intereses e pulsións.

Doutra parte, a lograda caracterización dos personaxes, o suxestivo dos diálogos, a habelencia para recrear atmosferas e sucesos, así como a intelixente inserción de recursos parateatrais na narración fan desta obra unha proposta de anatomía sociopolítica dun tempo e de todo tempo.

O premio, dotado cun importe de 9.000€, entregarase a primeiros de decembro nun acto público que terá lugar no Teatro Principal da Estrada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR