Un 25 de xullo de 1950 celebrábase no bodegón do hotel Compostela, en Santiago, a asemblea fundacional de Editorial Galaxia.
Quenes estaban alí compartían un soño que non entendía de limitacións ou dificultades. A base de valentía, forza e un compromiso férreo, creouse o que hoxe é a casa literaria de Galicia.
Presidida por Ramón Otero Pedrayo,a aquela primeira xuntanza asistiron personalidades senlleiras do galeguismo, como Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista. Configurábase daquela o núcleo principal da resistencia cultural e política do galeguismo, obrigado á clandestinidade e ao exilio despois da Guerra Civil.
Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro, foron as tres personalidades que dende o primeiro momento orientaron a editorial, comprometida coa recuperación da lingua e da cultura galega, nos tempos difíciles da ditadura.
Non estaban todos. Algúns non puideron asistir, entre outros Ramón Piñeiro, que viña de saír da cadea. Mais había representantes do exilio e da emigración, principalmente das colectividades galegas de Bos Aires e de Montevideo.
Son só algúns dos nomes das personalidades que participaron para erixir este proxecto, que sempre entendeu a editorial como unha casa común para a cultura galega, ao servizo do país. Valores que seguen sendo a nosa razón de ser e que, incorporados aos tempos actuais, permanecen vixentes na editorial.
Inspirada polo espírito da xeración Nós, Galicia e a nosa lingua sempre foron os seus principios e razón de ser. Unha busca compartida, por un grupo de intelectuais, que buscaban recuperar a actividade pública da cultura galega trala catástrofe da Guerra civil.
O primeiro libro publicado por Galaxia foi Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas, que saiu do prelo en abril de 1951. O primeiro dun total de 4.000 títulos, ideados en favor á conformación da cultura galega e a resistencia cultural ao franquismo.
Este é un proxecto de futuro que se fundamenta no noso compromiso coa lingua e a cultura galega. O noso catálogoestá cargado de clásicos, novidades, traducións da literatura universal e éxitos internacionais. Unha proposta que non deixa de medrar e actualizarse cos tempos que vivimos.
Un proxectoque nace e medra na raíz máis profunda de Galicia.