Cinco lecturas para vivir o verán desde outros lugares

Categoría: Nova

O verán tamén pode ser unha rodaxe chea de imprevistos, unha fuxida necesaria, unha conversa entre dúas mulleres separadas polo mito, unha casa na que cómpre romper o silencio ou unha cidade onde ata a compañía pode converterse nun servizo de pagamento.

Desde Galaxia propoñemos cinco lecturas para achegarse a historias moi diferentes:

Para amantes do cine e das historias que suceden detrás da cámara

En “Catro viaxes de Elena Fahlbusch”, de Damián Guede, Ana, axudante de dirección, achéganos á rodaxe dunha película na que conviven intérpretes singulares, situacións desagradables e a lembranza doutra filmación realizada vinte anos atrás.

A novela emprega o cinema e o propio proceso dunha rodaxe como punto de partida para reflexionar sobre o uso da tecnoloxía na sociedade contemporánea, a paternidade e a maneira de observar o mundo desde a madureza. Unha proposta para quen, cando remata unha película, tamén quere saber que acontece fóra de plano.

Para quen sabe que nunca é tarde para escapar

Adelina ten un obxectivo claro: fuxir da residencia de persoas maiores na que está internada contra a súa vontade e regresar á casa.

Gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada 2024, “Adelina”, de Sandra Lodi, presenta unha protagonista teimuda e decidida que se nega a aceptar que outras persoas elixan por ela. Unha banda deseñada, sen filtros, para acompañar unha fuxida que é tamén unha defensa da vontade, da autonomía e do dereito a decidir sobre a propia vida.

Para regresar aos mitos desde a voz das mulleres

Que acontecería se Penélope e Circe puidesen contar a súa propia historia?

En “Circe ou o pracer do azul”, Begoña Caamaño, homenaxeada nas Letras Galegas 2026, relata o que quedou fóra dun dos mitos centrais da cultura europea. Tras once anos agardando polo regreso do seu home, Penélope recibe unha carta dunha muller descoñecida que lle revela que Ulises non está morto, senón que mantén con ela unha relación apaixonada.

A correspondencia entre ambas vai construíndo un vínculo no que o home dunha e amante da outra deixa de ocupar o centro. Unha lectura para descubrir os espazos que se abren cando as mulleres toman a palabra e deciden narrarse máis alá dos papeis que a tradición lles reservou.

Para quen non procura unha lectura cómoda

En “As humidades”, de Alba Tomé Sueiro, a casa deixa de ser un lugar seguro cando a violencia se instala no interior dunha familia aparentemente común.

Mentres un pai tenta medrar na política local e construír unha nova imaxe pública, a avoa e as pequenas crean unha alianza silenciosa feita de miradas, agarimos e resistencia.

Finalista do Premio Illa Nova de Narrativa 2025, é unha historia para lectoras e lectores dispostos a mirar detrás das aparencias e a acompañar a forza de quen decide que o silencio non pode protexer eternamente os responsables.

Para quen contempla o amor actual con asombro

Nas rúas de San Francisco, Paul Rothko traballa como acompañante de persoas solteiras contratado pola axencia Good Friend. Entre clientas, encargos excepcionais e unha nena de sete anos con máis sentido común ca moitos adultos, Paul tamén intenta comprender unha noiva imprevisible que aparece e desaparece sen avisar.

En “A noiva cuántica”, Xosé Cid Cabido combina humor, ironía e referencias cinematográficas para observar algunhas das contradicións da sociedade global: a soidade nas grandes cidades, a mercantilización das relacións, o amor romántico, os novos roles de homes e mulleres ou o impacto das redes sociais nos nosos costumes.

Unha lectura para quen sospeita que as relacións humanas son cada vez máis complexas, pero non quere renunciar a miralas cun sorriso irónico.

Un libro para cada maneira de vivir o verán

Ás veces, o mellor libro para o verán é aquel que nos permite entrar nunha rodaxe, fuxir dunha residencia, revisar un mito, romper un silencio ou percorrer as contradicións dunha gran cidade.

E ti, que lectura escolles?

Comparte nas túas redes sociais ou por email