Este martes 17 de maio celebramos a Florencio Delgado Gurriarán, poeta desta Galaxia, no Día das Letras Galegas.
Este 2022, Galicia réndelle homenaxe ao autor de Córgomo, dedicándolle a súa efeméride máis especial. Galaxia, contribúe nesta causa incluíndo, nas súas novidades editoriais, os seus tres poemarios: Bebedeira, Galicia infinda, O soño do Guieiro, e a súa Antoloxía poética, en edición de Débora Álvarez Moldes e Margarida Pizcueta Barreiro, de Florencio Delgado Gurriarán. Ao mesmo tempo que os libros Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética, de Xesús Alonso Montero e Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, de Ricardo Gurriarán, publicado orixinalmente en 1999 e agora recuperado por Galaxia.
Obras que completan a aproximación á vida e obra do poeta, xunto con Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo, publicado na colección Lectura Fácil, da autoría de Lucía Gómez Álvarez.
Unha obra con pictogramas para achegar a todas e todos o labor cultural do homenaxeado nas Letras Galegas 2022.
Florencio Delgado Gurriarán, avogado de formación, foi poeta, articulista, pioneiro da tradución poética interlingüística, editor literario e home ponte entre a Galicia exiliada en México e a Galicia interior, capaz de tecer asemade vínculos coa intelectualidade doutras orixes. Foi tamén un extraordinario activista cultural, promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México (creado en 1953), a revista Vieiros –da que foi director xunto con Carlos Velo e Luís Soto–, a audición radiofónica “Hora de Galicia”, que estivo en antena todos os domingos durante case dúas décadas, e doutras publicacións de carácter político e cultural. Por iso o seu Día das Letras Galegas será tamén unha homenaxe serodia a todo o exilio mexicano, cuantitativamente menor có arxentino pero dunha importancia igualmente capital.
O autor, membro moi activo do Partido Galeguista de Valdeorras, chegou a México tras lograr escapar a través de Francia no ano 1939. Fíxoo a bordo do Ipanema, un dos barcos que levaron os refuxiados españois a América e no que fuxiron tamén, entre outros, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé, Johán López Durá, Serafín Ferro ou o mencionado Elixio Rodríguez. Unha vez en América mantería o compromiso cívico e cultural que dende moi novo o achegara tamén ás Irmandades da Fala e ao Seminario de Estudos Galegos, do que fora socio protector.
Feliz día das Letras Galegas a todas e todos!