Como lágrimas na chuvia, Premio Lazarillo 2019, de Jordi Sierra i Fabra, traducido por Xesús Domínguez Dono, gañou na 4ª categoría, dedicada á tradución, na XVIII edición dos Premios Frei Martín Sarmiento.
Xesús Domínguez Dono recolleu, onte, no Salón de Actos do Mupega, o galardón que pon en valor o seu minucioso e preciso traballo como artesán da palabra. Nun exercicio de achega, ás lectoras e lectores galegos, á obra de Jordi Sierra i Fabra, Domínguez trouxo á nosa lingua unha das obras máis salientables da literatura xuvenil.
Publicada en Costa Oeste, Como lágrimas na chuvia, de Jordi Sierra i Fabra, a través dunha linguaxe moi próxima á mocidade, e coa outra paixón do autor como marco, a música, retrata o fracaso, o éxito, a traizón, a fama e a amizade; en definitiva, a condición humana.
Este é un dos galardóns máis prestixiosos do noso sistema literario pois son o alumnado e profesorado os encargados de decidir cales dos libros publicados nos dous últimos anos son, segundo o seu punto de vista, os mellores.
Hoxe, a nosa fábrica de libros está chea de ledicia e felicidade por recibir tan prestixioso recoñecemento.