Unha historia de amor, unha novela sobre mulleres e vidas que se entrecruzan, teatro para pensar o lugar que habitamos ou un ensaio arredor da lonxevidade galega. Escolle a túa próxima lectura.
Se buscas unha historia de amor: Elas dúas
Premio Álvaro Cunqueiro de Novela 2025
Luís Rei Núñez reconstrúe unha historia de pequenos segredos e un grande amor entre mulleres na Galicia de 1950.
África Brea, estudante de Maxisterio en Pontevedra, e María Viviana Mariño, unha das súas profesoras, viven unha relación marcada polas intermitencias, os tabús e o desexo de seren donas de si mesmas nun tempo de penitencia e penurias.
Se buscas narrativa: Nailía
Premio Torrente Ballester 2024
Nailía, de Loli Rodríguez Rodríguez, é unha historia de historias: de amor, desamor e rancor; de superación, esperanza e perdón.
A través de Lía, nai, avoa e coidadora, a novela achéganos a un universo de mulleres diferentes e personaxes vulnerables e entrañables. Un relato no que a protagonista loita por non perderse no camiño, conservando a ledicia, a bondade e a vontade de aprender e superarse.
O xurado do Premio Torrente Ballester destacou a boa narración e a axilidade da lectura, así como a representación de mulleres diversas, as imaxes poéticas e o manexo dos diálogos.
Se buscas teatro: Khôra
I Premio Castelao de Textos Teatrais
Noa e Enzo mercan un modesto piso en Vigo e trasladan alí as reunións semanais co seu grupo de amigos. A través destes encontros, José Luís Baños de Cos debuxa a realidade de toda unha xeración.
A dificultade de acceder a unha vivenda digna, o significado do fogar, as viraxes ideolóxicas ou a transformación das cidades atravesan unha obra que reflexiona sobre o ser humano contemporáneo, as relacións persoais e o vínculo co lugar que habitamos.
É o tempo o que nos transforma, ou é o espazo o que nos define?
Se buscas ensaio: A arte de non morrer
Premio Ramón Piñeiro de Ensaio
Galiza é unha das zonas do mundo con máis persoas centenarias que gozan dunha lonxevidade saudable. Roberto Fernández Álvarez parte desta realidade para preguntarse polo seu porqué.
A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega procura respostas na evidencia científica, pero tamén nas claves culturais que condicionan as biolóxicas.
A laboriosidade, a resiliencia, a teoría do metasentidiño ou o modelo saudade-festa son algúns dos factores que o libro analiza para explicar aquilo que para os nosos lonxevos foi unha práctica cultural, case unha arte: a arte de non morrer.
Cal vai ser a túa lectura desta fin de semana?