Como un medio de promoción para as novas autoras e autores en lingua galega de literatura infantil, e como homenaxe ó escritor Xosé Carlos Mosteiro Fraga, o Concello da Pobra do Caramiñal, coa colaboración da asociación cultural Barbantia e da editorial Galaxia, convoca a IX edición do PREMIO DE LITERATURA INFANTIL CARLOS MOSTEIRO, de acordo coas seguintes bases:
PRIMEIRA
Poderán concorrer ó premio tódalas autoras e autores de calquera nacionalidade que presentaren os orixinais, escritos en lingua galega (en conformidade coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego aprobadas pola RAG), de obras de creación literaria dirixidas a nenas e nenos de 8 a 12 anos, pero cunha excepción: non poderán presentarse a este certame aquelas autoras ou autores que acadasen este premio nunha ou en máis dunha das últimas cinco convocatorias.
As obras deberán ser inéditas en tódolos formatos, xa sexa no total ou parcialmente, e non premiadas con anterioridade ou simultaneidade en ningún outro certame.
A extensión dos orixinais abranguerá entre 50000 e 150000 caracteres (cos espazos incluídos), aínda que o xurado poderá considerar flexibelmente esta condición, conforme a calidade obxectiva da obra seleccionada.
As persoas participantes deberanse atopar ó corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non estar incursas en ningunha das exclusións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.
SEGUNDA
As obras poderanse presentar no papel ou no formato dixital (.doc, .odt ou .pdf), preferentemente nun soporte USB (nun lapis de memoria) ou polo correo electrónico premioliterario.cultura@apobra.gal, ou ben no rexistro xeral do Concello da Pobra do Caramiñal. Tamén se poderán presentar polo correo certificado, mensaxaría ou en calquera dos rexistros públicos segundo o estabelecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dirixilas ó seguinte enderezo:
Concello da Pobra do Caramiñal
IX Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro
Rúa Gasset, 28 -15940 · A Pobra do Caramiñal (A Coruña)
A presentación realizarase en 2 sobres pechados ou 2 arquivos dixitais co seguinte contido:
SOBRE 1:
No exterior do sobre transcribirase o seguinte:
“Sobre n.º 1. IX Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, Concello da Pobra do Caramiñal” e mail o título da obra.
No interior do sobre incluirase a obra, que, no caso de se enviar no papel, deberá presentarse en triplicado, en exemplares separados, do tamaño DIN A4, e impresos polas dúas caras. Ademais, deberán estar numerados, grampados ou encadernados. No caso de presentalos no formato dixital, farase do mesmo modo triplicado (USB).
En calquera soporte no cal se presentar, na portada deberase indicar IX Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, o título da obra e o lema ou pseudónimo.
SOBRE 2:
No exterior do sobre transcribirase o seguinte:
“Sobre n.º 2. IX Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, Concello da Pobra do Caramiñal” e mailo título da obra.
No interior do sobre incluirase a seguinte documentación:
1º A solicitude de participación no IX Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, Concello da Pobra do Caramiñal, e a autorización para que o Concello poida recadar da Axencia Estatal da Administración Tributaria e mais da Seguridade Social os datos que acrediten que o/a participante está ó corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, segundo o modelo que se pode atopar na web do Concello da Pobra do Caramiñal.
2º O documento acreditativo da identidade (a copia do DNI, do pasaporte ou do NIE) da persoa autora.
TERCEIRA
O prazo de recepción de orixinais remata no día 1 de novembro de 2026.
CUARTA
O premio, que poderá quedar sen adxudicar se o xurado estimar que ningunha das obras presentadas acada a suficiente calidade literaria, considerará unha única obra gañadora, á cal se lle asigna unha dotacióneconómica de 3000 euros.
A contía do premio inclúe os dereitos de autoría da primeira edición da obra gañadora. A partir da segunda, a explotación comercial do libro premiado xerará o 10 por cento de dereitos segundo o contrato estándar de edición asinado coa editorial Galaxia.
Para tal efecto, existe consignación orzamentaria suficiente no orzamento municipal para o ano 2026.
O premio estará suxeito ás retencións fiscais que corresponderen.
A obra premiada será publicada na colección “Árbore” da editorial Galaxia.
As autoras ou autores da obra premiada comprométense a participar nos actos de promoción que a editorial organice, así como a realizar a presentación no Concello da Pobra do Caramiñal.
QUINTA
O xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio na literatura infantil, unha delas da propia editorial. Ademais constará dun/ha secretario/a, con voz, pero sen voto. As decisións do xurado serán inapelábeis.
SEXTA
O ditame do xurado darase a coñecer no mes de decembroe a entrega do premio farase coincidir coa presentación da obra gañadora, despois de estar editada.
SÉTIMA
As obras non premiadas non serán devoltas. A partir do día seguinte á deliberación do xurado serán destruídas.
OITAVA
A participación neste concurso literario non lles xera dereito ningún ás persoas participantes ata que for resolto polo xurado e ata que non for outorgado o premio por unha resolución da Alcaldía do Concello da Pobra do Caramiñal. A presentación dos orixinais a este certame literario supón a aceptación destas bases e o compromiso do/a autor/a de non retira–la obra antes do ditame do xurado, acepta-lo premio, se lle for concedido, ou reintegralo, de non se cumpriren os requisitos que se estabelecen nesta convocatoria.
O incumprimento dun ou varios apartados destas bases implicaría a automática exclusión da obra presentada.