Arxentina inmensa, é o novo libro de Xavier Alcalá, unha obra nacida dunha relación de cincuenta anos cun país profundamente vencellado á historia de Galicia.
A Arxentina forma parte de innumerables historias persoais e familiares galegas. No caso de Xavier Alcalá, a curiosidade polo país comezou xa na infancia, a través dos relatos que escoitaba entre Ferrolterra e o Eume.
Hai agora cincuenta anos, en 1976, o autor entrou por primeira vez na Arxentina a través de Buenos Aires. Desde entón, e por razóns profesionais e familiares, percorreu o país de norte a sur, desde La Quiaca ata Ushuaia, coñecendo tamén algúns dos seus lugares máis afastados.
Dese longo vínculo nace, publicado na colección Biblioteca Xavier Alcalá, Arxentina inmensa, unha aproximación persoal á República Austral construída a partir das experiencias e descubrimentos acumulados polo autor ao longo de medio século.
Xavier Alcalá (Miguelturra, Cidade Real, 1947) é enxeñeiro de Telecomunicación e doutor en Informática. Criado e formado en Ferrol, amosou cedo a súa vocación literaria en letras de cancións, artigos de xornal e relatos breves. Nos textos longos iniciouse con Voltar, seis personaxes e un fado (1972), ao que seguirían títulos como A nosa cinza (1980), Fábula (1980), Premio Cidade da Coruña e da Crítica Española, Nos pagos de Huinca Loo (1982), Cárcere verde (1990), Latitude austral (1991), Código morse (1996) e Alén da desventura (Premio Blanco Amor, 1998) Tamén é autor da triloxía Evanxélica memoria sobre os avatares das comunidades evanxélicas en Galicia, constituída polas novelas Entre fronteiras (2004), Nas catacumbas (2005) e Unha falsa luz (2007). En 2012 publicou Verde oliva, novela sobre a revolución cubana contra Batista, e en 2018 The Making of, onde descobre aventuras perigosas e silenciadas da emigración galega na Arxentina. En 2024 volveu a Cuba con A capital do mundo, primeira entrega da Triloxía dos Mayimbes.