Frank Soutelo regresa con “Buscando a Dalia”, o seu oitavo caso

Categoría: Nova

Frank Soutelo volve ás librarías con Buscando a Dalia, a nova novela de Miguel Anxo Fernández e oitava entrega dunha saga que se achega xa aos vinte e cinco anos de historia.

Nesta ocasión, a acción sitúase principalmente no Carballiño. A desaparición da investigadora Dalia Maxino, mentres traballa nun caso relacionado cun cadáver de aparencia ritual, pon de novo en marcha a Soutelo. Coa axuda de Franeiras e Poncio, a investigación complícase coa aparición dun segundo cadáver e coa sospeita de que Dalia non sexa a única muller desaparecida.

A posibilidade dun asasino en serie mestúrase cos segredos dunha vila marcada pola intolerancia social, os intereses inmobiliarios e o comercio clandestino de moedas históricas. 

Buscando a Dalia chega ademais ás portas dunha data significativa para o personaxe: en 2027 cumpriranse vinte e cinco anos da publicación de Un nicho para Marilyn, a novela coa que Frank Soutelo iniciou o seu percorrido literario.

Ao longo destas oito entregas, Miguel Anxo Fernández consolidou un detective marcado pola galeguidade, a retranca e unha particular mirada sobre o presente. Para o autor, a novela policial non é só un xogo arredor do crime, senón tamén unha forma de observar criticamente a sociedade e os conflitos do seu tempo.

O Carballiño, escenario da presentación

A saída do libro hoxe, martes 15 de setembro, celebrarase nunha xornada especial no Carballiño, un dos escenarios centrais da novela.

Ás 12 h, na rúa Curros Enríquez, celebrarase unha rolda de prensa arredor de Buscando a Dalia. Xunto a Miguel Anxo Fernández estarán Diego Fernández, concelleiro de Cultura do Carballiño, e Marcos Calveiro, director xeral de Editorial Galaxia.

Pola tarde, ás 20 h, celebrarase a presentación do libro no exterior da libraría Escolma. O autor estará acompañado por Raquel Domínguez, xornalista da CSAG (Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia), e Carlos Rodríguez Calvo, escritor, xornalista e presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email